Telmo Martín promete aos veciños de Noalla a mellora do miradoiro de Punta Faxilda
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín e o concelleiro, Daniel Arosa, reuníronse coa asociación de veciños de San Esteban de Noalla para tratar sobre as necesidades e os proxectos previstos na parroquia.
Neste encontro o alcalde comprometeuse a encargar un proxecto de mellora da zona de Punta Faxilda, que debe ser especialmente respectuoso co alto valor ecolóxico e paisaxístico. Por aí pasa o roteiro do Padre Sarmiento e ademais no saínte hai unhas baterías militares que necesitan unha profunda limpeza e posta en valor.
Outro dos asuntos tratados na reunión foi dotar de beirarrúa aos dous quilómetros do vial que comunica o cuartel da Garda Civil derrubado a Pontes. Recentemente os veciños de Noalla presentaron no Concello e a Deputación, titular da estrada, 1.900 firmas solicitando dotar de beirarrúa a este tramo.
Outra das actuacións importantes na parroquia é a mellora da estrada da igrexa - A Lanzada. O alcalde informoulles que se vai a asinar un convenio ao 70% e 30% entre Deputación e Concello para financiar os 760.000 euros que custa o proxecto. Unha actuación que mellora a seguridade de peóns e vehículos neste tramo e que inclúe unha plataforma única con beirarrúa e calzada. Esta actuación redundase en beneficio da rehabilitación do Pazo de Quintáns.
Os veciños tamén solicitaron a derriba do vello colexio do Tombelo en estado ruinoso e cheo de lixo, a recuperación da fonte do lavadoiro de Fonte Ons, recolocar as marquesiñas de Altín e O Telleiro que están demasiado pegadas á calzada e tamén cinco puntos de luz no Tombo, Aios e dous espellos na Revolta.