Edugal amosa un monopraza de competición dun proxecto da UVigo encabezado por un estudante de Poio
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
O Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia Edugal, que se desenvolve esta semana no Recinto Feiral de Pontevedra contén algunhas imaxes moi interesantes e que demostran a calidade dos universitarios galegos. Unha delas é a presenza dun monopraza de competición na caseta da Universidade de Vigo.
Neste espazo atópase Abel Fernández, un mozo de Poio estudante da Escola de Enxeñería Industrial do campus de Vigo, que xunto a Xacobe Atrio, estudante de Enxeñería Mecánica, explican aos visitantes as particularidades do vehículo, no que se montou a conselleira de Educación Carmen Pomar na inauguración do salón.
O vehículo foi deseñado, elaborado e financiado a través dun traballo multidisciplinar no que interveñen estudantes de diferentes titulacións do campus, desde os integrantes de Enxeñería, a alumnado de Ciencias Económicas, Telecomunicacións ou mesmo da Facultade pontevedresa de Belas Artes. Repártense por departamentos para participar na Fórmula Student, unha competición internacional entre universidades na que se van establecendo diferentes retos.
Nesta competición teñen que enfrontarse a probas estáticas nas que deben xustificar os gastos, o deseño ou os motivos polos que escolleron un modelo de vehículo e non outro. E tamén contan con probas dinámicas. Abel Fernández afirma que levan xa dúas experiencias, unha no circuíto alemán de Hockenheimring, no que se atoparon con algunhas dificultades e outra en Montmeló, en Cataluña, competición na que quedaron novenos na proba grande.
Baixo a denominación equipo UVigo Motorsport, este grupo de estudantes realizan estes proxectos con bastante autonomía respecto a a Universidade de Vigo, que lles cede as instalacións e recursos que poidan necesitar pero despois o equipo económico é o que busca patrocinadores por parte de empresas privadas, que mesmo cede pezas para a construción ou a mellora do coche.
Os obxectivos para esta tempada céntranse en mellorar o actual modelo e chegar ao seu máximo en 2021 cando en certas competicións esixen que o coche sexa autónomo en diferentes probas. Por exemplo terán que facer fronte a pruebras nas que o coche deberá circular sen piloto durante 75 metros ou realizar un circuíto en forma de oito para comprobar a estabilidade do vehículo nas curvas. Nun prazo de dous anos, o reto está situado en que o monopraza percorra un circuíto de maneira autónoma, sen piloto.
"Somos como unha empresa propia, cos nosos prazos, os nosos problemas económicos", indica Abel Fernández con orgullo ao falar deste proxecto no que participan estudantes de diversos cursos das distintas carreiras cunha idea moi profesional de cara a buscar os seus primeiros empregos.
O subdirector do Alumnado, Fernando Manzanedo, mostra durante estes días en Edugal a súa satisfacción por este equipo potenciado desde a Escola de Enxeñería Industrial, que tamén ofrece aos visitantes outras propostas visuais singulares como unha cámara termográfica, un brazo robot ou un panel de enerxía fotovoltaica.
Relacionadas:
-
Unha cambadesa premiada pola súa app de xogos para motivar a nenos hospitalizados a facer exercicio
Por Redacción |
-
Estudantes de máis de 600 centros educativos de Galicia analizaron en Edugal as futuras opcións académicas
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Conde sinala a "necesidade" do mercado laboral de promover as vocacións asociadas á ciencia e a tecnoloxía
Por Redacción |
-
O alumnado achégase ás novas propostas formativas en Edugal coa ollada posta no futuro
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O Salón Edugal presentará as ofertas educativas máis inclusivas e sustentables na edición deste 2020
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |