Un parapentista engánchase cun piñeiro en Bueu e queda colgado a máis de 20 metros de altura
Por Redacción
Ás 19:30 deste luns, un particular chamaba o 112 para alertar da presenza dun home que ao viaxar en parapente sobre Chans de Cela en Bueu se enganchara a un piñeiro e permanecía colgado da árbore á espera de alguén que puidese socorrelo.
Segundo informaba o servizo de Emerxencias do 112, o home non resultara ferido ao impactar contra o piñeiro pero precisaba rescate porque se encontraba a máis de vinte metros de altura, segundo explicara o veciño que se encontrou co parapentista. Ademais, indicou que debía de levar bastante tempo nesa situación na copa dunha árbore situada próxima ao campo de fútbol.
Ata o lugar do suceso achegáronse efectivos da Garda Civil e dos bombeiros do Morrazo para intentar baixar ao intrépido deportista sen que sufra danos físicos.