Concentración ante a Escola Naval de Marín polo despedimento de tres limpiadoras
Por Redacción
Un grupo de traballadores e representantes sindicais concentráronse ante a entrada da Escola Naval de Marín para demandar a readmisión de tres traballadoras que foron despedidas pola empresa adxudicataria do servizo de limpeza na institución militar. A empresa Cleanet tras facerse coa concesión e subrogar os traballadores, despedía a estas limpadoras. Segundo o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, "non ten sentido porque no concurso non había redución económica para este servizo. O que pasa é que as empresas van á baixa e quen o paga son os traballadores con despidos ou con rebaixa de salarios".
Segundo se manifesta dende o sindicato, presentáronse demandas xudiciais pero queren desenvolver accións sindicais para manifestar o rexeitamento a estes despedimentos dos que responsabiliza tamén o ministerio de Defensa: "hai responsabilidade, non se trata só de sacar un concurso e despois que a empresa faga ou que lle dea a gana. Defensa debería preocuparse de que non afecte aos traballadores".
Os representantes sindicais sinalan que nesta empresa, en dúas ocasións durante o último mes, se comprometeron a estudar unha oferta para recolocar estas tres traballadoras e, non obstante, continúa sen concretarse.