Tres detidos nunha operación contra o tráfico de cocaína en Pontevedra e Mourente
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha operación realizada en colaboración entre o Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Policía Nacional e a Policía Local de Pontevedra permitiu nos últimos días deter a tres persoas que presuntamente terían relación co tráfico de cocaína a pequena escala en Pontevedra.
Entre o mércores e o xoves realizáronse as tres detencións e catro rexistros domiciliarios en distintos puntos da cidade de Pontevedra e a parroquia de Mourente.
Un dos tres detidos xa quedou en liberdade en sede policial tras o seu arresto e os outros dous foron postos ao disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra este venres. Fontes xudiciais confirmaron o ingreso en prisión dos dous.
A operación é resultado de varios meses de investigación policial iniciada por mor dunha serie de informacións que chegaron á Policía, nas que se relataba que había un grupo de persoas que realizaban vendas de distintas substancias estupefacientes en distintos puntos de Pontevedra. Finalmente, lograron identificar os responsables.
Nos catro rexistros realizados, os axentes interviñeron distintas cantidades de diversas substancias estupefacientes que alcanzarían no mercado ilícito un valor de 40.000 euros.
En concreto, incautaron 50,14 gramos de haxix, 742,02 gramos de cocaína, 81,7 gramos de substancias de corte, tres turismos, unha motocicleta de gran cilindrada,10 teléfonos móbiles, tres básculas de precisión, 13.267,63 euros en efectivo e un muíño para preparar dose. Toda esta droga equivalería a máis de 3750 dose individualizada para o seu consumo.