As obras da rúa Blanco Porto coincidirán coas de Benito Corbal e suprimirán prazas de aparcadoiro
Por Redacción
As obras da rúa de Blanco Porto suporán un cambio substancial tanto no aspecto como na calidade urbana. O proxecto que impulsa o concelleiro de Obras Urbanas, Antón Louro, contempla, ademais da renovación en superficie, a substitución de todas as instalacións soterradas de augas e servizos, así como a canalización baixo terra dos cables de electricidade e alumeado público.
Antón Louro mantivo este luns unha xuntanza cos hostaleiros da rúa, que pediran un encontro para coñecer directamente o proxecto. A obra, valorada en 242.000 euros, terá un prazo de execución de seis meses. Ao seren adxudicada por procedemento negociado, podería estar en marcha na primeira quincena de setembro e a idea do tenente de alcalde é primar a redución do prazo. Tentarase que estea rematada cara o final do ano.
Louro admitiu que estas obras "posiblemente coincidirán no tempo coa reforma de Benito Corbal" unha circunstancia dixo "que os hosteleiros soportarán con agrado", ante a necesidade desta reforma que deixará a rúa preparada para os vindeiros 25 anos.
Durante a xuntanza explicouse que o deseño final será igual ao de Cruz Gallástegui e Joaquín Costa (rúas coas que enlaza) por unha simple cuestión de coherencia. A actuación servirá tamén para corrixir algunhas deficiencias no alumeado público, pois Blanco Porto foi unha das primeiras vías urbanas nas que se instalaron farois led e hai zonas escuras.
Louro e os técnicos municipais explicaron que as actuais beirarrúas, duns dous metros de anchura, pasarán a ter en torno a 3,5 metros. O aparcamento será eliminado nun dos lados e manterase á dereita do sentido da marcha, como é norma. Tamén se plantarán árbores de sombra.