Falece José Luis Cuerda, o director de 'A lingua das bolboretas', película con escenas rodadas na Praza da Leña
Por Redacción
Este martes 4 de febreiro falecía en Madrid o director, guionista e produtor José luis Cuerda, un home que tivo relación con Pontevedra e as Rías Baixas no ano 1998 cando rodou no centro histórico escenas para a súa película 'A lingua das bolboretas', estreada un ano máis tarde.
Durante varios días do verán levouse a cabo parte da rodaxe en Pontevedra co director e o seu equipo dirixindo tamén a numerosos figurantes, cidadáns de Pontevedra e da súa comarca, que formaron parte desta película que tiña un elenco actoral encabezado por Fernando Fernán Gómez, Manuel Lozano, Uxía Blanco. Gonzalo Uriarte e Celso Bugallo, entre outros intérpretes, moitos deles de orixe galega.
O film estaba baseado nun relato homónimo do autor Manuel Rivas que figura no seu libro 'Que me queres, amor?' e conta a historia dun neno que se incorpora á escola con 8 anos e comeza a aprender por parte do seu mestre, interpretado por Fernán gómez, cuestións elementais da vida. O 18 de xullo de 1936 co golpe militar, a boa relación entre profesor e alumno queda rota.
A escena final da película, moi emotiva, desenvólvese na Praza da Leña, con diferentes personaxes que van ser executados, entre eles, Fernando Fernán Gómez saíndo do edificio Castro Monteagudo do Museo de Pontevedra. Os figurantes que facía de pobo e Manuel Lozano, protagonista infantil da película, insultaban á figura do mestre e mesmo remataban guindándolle pedras.
josé Luis Cuerda dirixiu outras películas tan coñecidas como 'El bosque animado', tamén rodada en Galicia; ''Amanece, que no es poco' ou 'Los girasoles ciegos'.