Alertan á subdelegada do crecente número de roubos nas obras de construción
Por Redacción
Maica Larriba, subdelegada do Goberno, mantiña este xoves un encontro con representantes da Asociación de Construtores de Pontevedra, un colectivo que se creou recentemente con ámbito provincial.
Unha trintena de entidades forman parte desta asociación que conta con Javier Carballeda como xerente. Durante o encontro con Larriba, os empresarios explicaron os obxectivos e temas que preocupan a diario a este sector.
Por unha banda, indicaron que falta man de obra cualificada para acometer determinados traballos na construción e por outra banda, indicáronlle á subdelegada os problemas de seguridade que sofren en zonas onde se acometen obras debido ao crecente número de roubos de material.
Maica Larriba trasladoulles a súa disposición para colaborar en todas aquelas necesidades das que sexa responsable a administración do Estado.
A asociación quere incentivar o crecemento do sector xerando emprego. Actualmente máis de 1.200 traballadores e 200 millóns de euros de facturación englóbanse dentro deste colectivo que ofrece desde asesoramento legal ata información sobre as novidades lexislativas.