Acusan de falsidade documental a un condutor con adhesivos de ITV que nunca pasara
Por Redacción
A Policía Local de Marín acusou dun delito de falsidade documental a un condutor que, a pesar de carecer de ITV desde xullo de 2018, foi interceptado no seu vehículo pola rúa Lameira.
No cristal do coche levaba dous adhesivos acreditativos da validez desta inspección técnica ata novembro do 2019 e febreiro de 2020. Tras realizar as comprobacións oportunas, os axentes verificaron que estas revisións non figuran na ficha técnica, polo que nunca se levaron a cabo.
Os axentes do corpo de seguridade local xa tiñan constancia da existencia de posibles irregularidades na documentación deste turismo polo que o detiveron en canto o viron pasar.
Este delito de falsidade documental leva parello unha pena de prisión de seis meses a tres anos, ademais dunha multa de seis a doce meses. Ata que finalice a instrución, o vehículo atópase inmobilizado.
Esta actuación enmarcouse dentro da campaña especial de vixilancia das condicións de vehículos promovida pola Dirección Xeral de Tráfico, no marco da que se formularon seis denuncias por defectos de documentación de vehículos, tanto de seguros como de ITV.