Marín porá céspede de herba sintética de última xeración no campo da Raña
Por Redacción
O Concello de Marín anunciou este sábado un novo proxecto do que se beneficiará o campo de fútbol da Raña, onde se substituirá o céspede de herba artificial por un sintético de nova xeración, lastrado con area de sílice e caucho.
O novo manto de céspede permitirá a práctica de fútbol 11 no lado longo do campo e a de fútbol 7 no corto e, segundo o goberno municipal, mesmo poderán xogarse dous partidos desta última modalidade de forma simultánea.
O céspede artificial colocarase sobre a actual base de asfalto existente, nivelando nalgúns puntos a superficie. Ademais, considérase a adaptación da rede de rego existente, renovando os canóns actuais por outros emerxentes, que se conectarán co resto do sistema.
No que respecta ao equipamento do campo, reutilizaranse as porterías de fútbol 11 e incorporaranse outras para fútbol 7 que serán plegables, recolléndose na liña da varanda.
A nivel urbanístico, será preciso demoler a bancada que se atopa no lado lonxitudinal este do campo e o cerramento da fábrica que separa a instalación deportiva da parcela lindeira. O espazo que quedará libre tras a derriba alisarase e pasará a ser parte do céspede. Na separación coa parcela anexa, executarase un novo muro de contención, a base de formigón armado.
O orzamento de execución de todo este proxecto ascende a 430.455,07 euros.