O porto deportivo de Sanxenxo estrea seguridade privada para protexerse dos excesos da movida nocturna
Por Redacción
A sociedade municipal Nauta Sanxenxo contratou a partir da noite deste venres unha empresa de seguridade privada para garantir o bo uso dunhas instalacións de referencia a nivel nacional e internacional como son as do Porto Deportivo Juan Carlos I.
O vicepresidente desta sociedade municipal, Salvador Durán, explicou que con esta contratación o que perseguen é "preservar tanto o equipamento como as embarcacións que escollen este porto, dada a calidade dos servizos que ofrece, dos efectos que nalgunhas ocasións se derivan da movida". Déronse casos dalgunhas persoas que "tentan exceder os límites e entrar aos pantaláns", unha zona de acceso restrinxido.
A concentración de locais de lecer na área portuaria, "nos que se dan cita milleiros de persoas especialmente nas noites da fin de semana", provoca que sexa necesario contar con persoal que reforce o labor que "veñen desempeñando nas quendas nocturnas o persoal de Nauta, tanto os mariñeiros como os traballadores do aparcadoiro".
O vicepresidente de Nauta explicou que serán seis as persoas que supervisarán a actividade no porto polas noites, centrándose tamén no aparcadoiro e aquelas áreas comúns "que rexistran un maior tránsito de persoas", como son as escaleiras e a rampla que conduce á praza do Mar, entre outras.