Medio Ambiente aproba definitivamente o Plan Especial do Porto de Marín
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de remitir aos concellos de Marín e Pontevedra, e a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, a Orde pola que se aproba definitivamente o Plan Especial de Ordenación do Porto de María e Ría de Pontevedra.
O Plan Especial é un documento necesario para a ordenación urbanística do sistema xeral portuario que impulsa a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, correspondendo á Consellería MATI a súa tramitación por afectar a dous concellos.
Na tramitación do documento de ordenación urbanística do espazo portuario recabáronse os informes de: Deputación de Pontevedra, Puertos del Estado, Costas, Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia, Ferrocarrís e Pesca, entre outros; e deuse audiencia aos concellos implicados: Marín, Pontevedra, Bueu, Moaña, Vilaboa, Ponte Caldelas, Barro, Meis, Poio, Campo Lameiro, Soutomaior, Cotobade, Cangas e Sanxenxo.
De xeito paralelo, someteuse o Plan a avaliación ambiental estratéxica, emitíndose a Memoria Ambiental, aprobada por resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.
O documento inclúe tamén un Informe de Sostenibilidade Económica.
O Plan Especial entrará en vigor unha vez sexa publicada a Orde de Aprobación Definitiva do DOGA e a normativa no BOP.