A Deputación anuncia a vindeira contratación da mellora do viario de Curro
Por Oskar Viéitez
A Deputación anuncia que nas vindeiras semanas sairá a contratación a mellora da estrada EP-0508, entre Curro e a Portela.
Este domingo a Plataforma Veciñal de San Amaro celebrou a súa primeira concentración para denunciar o estado desta estrada, nunha protesta na que participaron varios deputados provinciais do PP e representantes locais deste partido.
O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, manifestou este luns a súa "vergoña e estupefacción" ante as críticas do PP e pediu aos populares "que polo menos sexan un pouco máis orixinais á hora de facer oposición e deixen dunha vez de saír a pedir proxectos para as estradas provinciais que saben perfectamente que o goberno de Carmela Silva xa ten en marcha".
Agís sinalou que "a reunión do alcalde coa Deputación foi en decembro e un mes despois temos o proxecto e comezamos as obras, máis eficiencia imposible".
O responsable de infraestruturas falou de "mala fe dos populares" porque o propio alcalde de Barro, Jose Manuel Fernández Abraldes, informou en decembro deste proxecto no pleno "e, sen embargo e para variar, o PP sae agora a pedilo nun intento patético de aproveitar o que xa ten decidido a Deputación para montar lío e bronca que é o único que saben facer".
Nos próximos días irá xa a contratación o primeiro tramo de mellora do drenaxe lonxitudinal entre Curro e San Amaro, entre os puntos quilométricos 0+000 e o 0+640.