O PP de Pontevedra marca obxectivos pensando nas eleccións autonómicas
Por Redacción
O Partido Popular de Pontevedra reuniu este mércores ao seu comité de dirección para establecer os obxectivos para este 2020. O presidente provincial, Alfonso Rueda, incidiu en que "é un ano decisivo", no que se van convocar as eleccións autonómicas e, polo tanto, "a maquinaria electoral do PP continuará totalmente activada".
Rueda referiuse á formación do novo Goberno central, e destacou que "desde o PP de Pontevedra seguiremos defendendo os proxectos da provincia en Madrid, fronte a un PSOE provincial que está plenamente plegado aos intereses partidistas de Pedro Sánchez".
Así, dixo que "non imos permitir agravios de investimentos fronte a outros territorios".
Alfonso Rueda destacou aqueles proxectos que "están paralizados desde a chegada de Sánchez ao Goberno" e que "os populares seguirán defendendo", e citou como exemplo a circunvalación de Pontevedra ou o nó de Bombeiros que "estaba incluído nos orzamentos xerais do Estado que aprobou Rajoy" e " desde entón, non se fixo absolutamente nada", lamentou.
Pero ademais Rueda sinalou que o Partido Popular demandará "unha solución ao impacto económico e laboral que suporía o peche da factoría de Ence", así coma"manter os prazos do Ave", entre outros asuntos.