As eleccións galegas de 2020, prioridade dun PP que asegura estar "reforzado"
Por Redacción
O traballo cara as eleccións autonómicas de 2020 xa está en marcha. Polo menos, no Partido Popular de Pontevedra que este xoves celebrou a súa xunta directiva na que se deron os primeiros pasos para esta importante cita coas urnas que teremos os galegos.
A xuntanza, que estivo presidida por Alberto Núñez Feijóo, serviu ademais para analizar os datos dos comicios xerais de novembro que, a xuízo dos populares, serviron para que o partido afronte "reforzado" as eleccións galegas, que aínda non teñen data.
Así o destacou o presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, que celebrou o incremento logrado polo partido tanto en número de votos en 57 dos 61 concellos da provincia como en representantes no Congreso e no Senado.
Coa presenza de cargos do partido e representantes de todos os municipios, Rueda afirmou que o partido provincial pensa nas autonómicas "con humildade" pero tamén coa certeza de que a tendencia é á alza, e advertindo que "a soberbia nunca foi boa compañeira en política".
Nas eleccións autonómicas, engadiu o dirixente do PP, os galegos terán que decidir entre a "estabilidade" do actual goberno de Núñez Feijóo e un "multipartito" que, segundo o líder popular, terá "pelexas diarias entre os socios", xa que recordou que as experiencias de gobernos en coalición e esquerdas "son malas".
Durante a súa intervención, Alfonso Rueda tamén reflexionou sobre o pacto que Pedro Sánchez busca cos "partidos radicais de esquerdas" e coas formacións que buscan a independencia de Cataluña.
"Gustaríame saber que opina Gonzalo Caballero da negociación con ERC sobre Cataluña, se está cos socialistas sensatos ou cos que prefiren facer cesións que poñan en risco a unidade de España a perder o poder", asegurou o presidente do PP pontevedrés.
Relacionadas:
-
O PP de Pontevedra marca obxectivos pensando nas eleccións autonómicas
Por Redacción |
-
O PSOE pontevedrés apoia de maneira maioritaria o acordo de goberno con Unidas Podemos
Por Redacción |
-
Satisfacción no PP local polo resultado electoral: "cambiamos la tendencia"
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE revalida a súa hexemonía en Pontevedra ante un PP en alza e o descalabro de Ciudadanos
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada