O xeriátrico de Loureiro Crespo obtén a licenza de obra
Por Oskar Viéitez
A xunta de goberno do Concello de Pontevedra concedeu licenza urbanística ás obras de construción da residencia de persoas maiores que a empresa DomusVi ten proxectada na rúa Loureiro Crespo, nos terreos que ocupou a antiga Comandancia da Garda Civil.
A portavoz do goberno local, Anabel Gulías, destacou este martes en rolda de prensa que esta edificación "supón un impulso para unha das zonas que está na folla de ruta deste goberno municipal" como son as melloras nos barrios.
Anabel Gulías lembrou que este inmoble atopábase nun estado ruinoso con "problemas diversos" que sufrían os veciños da contorna, polo que a derriba do cuartel foi acollida no seu día como "unha boa nova" que permitiu gañar "calidade" en toda esa zona "eliminando os problemas de ocupación que podía haber".
"Sen dúbida, esta licenza e a posterior construción do edificio vai a supor unha mellora significativa para esa zona", concluíu a portavozz municipal.
O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, explicou que as obras van iniciar "en breve" unha vez que a empresa solicitante deposite a fianza.
Xaquín Moreda explicou que esta nova residencia terá o seu acceso principal nunha rúa de nova apertura que estará entre este centro asistencial e a igrexa Virxe do Camiño. Para iso, retirarase unha especie de alpendre que hai na zona.
A residencia, que terá baixo e seis plantas, terá unha superficie de 4.761 metros cadrados, aínda que tan só a planta baixa, onde haberá zonas comúns, ocupará toda a parcela. A edificabilidade reducirase á metade nos pisos superiores, aproveitando o espazo sobrante para crear unha gran terraza ao aire libre para o goce dos seus usuarios.
Ademais, os promotores da residencia cederán ao Concello o novo vial que se abrirá para dar acceso ao centro e un terreo, que se converterá en zona verde, na parte traseira que permitirá embelecer o paso entre Loureiro Crespo e Amado Carballo.
Relacionadas:
-
DomusVi abrirá o 25 de marzo a súa residencia de maiores en Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Retomarán en breve a construción da residencia no vello cuartel da Garda Civil
Por Alejandro Espiño |
-
O vello cuartel da Garda Civil será historia nun prazo máximo de seis meses
Por Alejandro Espiño |
-
A demolición do vello cuartel da Garda Civil comezará en agosto
Por Alejandro Espiño |