Tres versións distintas para unha soa comisión sobre o PXOM
Por Anxo Lourido
A comisión de Infraestruturas na que se acordara presentar propostas polos diferentes grupos municipais para avanzar sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) finalizou con tres puntos de vista diverxentes y ningún paso claro cara unha solución sobre o planeamento da cidade.
Para o concelleiro do BNG, César Mosquera, na comisión deste mércores 17 comprobouse que existen diferenzas entre os grupos municipais do PP e do PSOE sobre as posibilidades de sacar adiante o PXOM e, polo tanto, considera que o acordo plenario entre ambos os dous partidos queda roto. Segundo Mosquera, non ten sentido retomar o PXOM elaborado en 2007 porque cambiou a lexislación e considera que tanto PP coma PSOE mostraron un gran descoñecemento sobre ese plan. "Isto é unha pasantía" dixo Mosquera que considera que é mellor manter o plan actual e realizar actuacións concretas antes de aceptar as condicións que formula a Xunta de Galicia e que obrigan a considerar como terreo industrial o espazo que ocupa Ence e a aceptar as condicións para que se constrúa o novo hospital en Monte Carrasco.
O concelleiro socialista Antón Louro indicou que o seu grupo foi o único que presentou propostas na comisión e sinalou que é necesario o diálogo cos técnicos da Xunta para acadar un acordo. Neste sentido considera necesaria a creación dunha comisión bilateral coa Xunta para establecer un debate no que se trate a edificabilidade xeral, a situación dos núcleos rurais e de chans industriais e comerciais, ademais dos proxectos de incidencia supramunicipal como Ence e Monte Carrasco.
Pola súa banda, Ricardo Aguilar do Partido Popular, insistíu en que o seu grupo admite o PXOM de 2007 para volver presentalo ante a Xunta sempre que conte co apoio técnico e xurídico dos técnicos municipais. Criticou a postura do BNG porque entende que quere enredar para dilatar este tema e non lle dar saída. Por iso, solicitou unha nova reunión da comisión de infraestruturas para a próxima semana na que se adopten acordos e se active unha solución para sacar adiante o plan xeral de ordenación municipal de Pontevedra.
- Explicacións dos tres representantes políticos: