Cortes de tráfico na PO-308 durante o domingo con motivo da cabalgata de Reis en Poio
Por Redacción
Este domingo 5, a PO-308 quedará pechada ao tráfico a partir das 17.00 horas con motivo do operativo especial que establece a Policía Local de Poio para o desenvolvemento da cabalgata dos Reis Magos.
Establécese un circuíto pechado cun percorrido que se iniciará ás 18.00 horas no Pazo Besada, pasando por Avenida Porteliña en San Salvador, con dirección cara a Avenida de Encoirados e finalización na Avenida San Xoán, na Costa de Alvar. O tramo permanecerá pechado desde as 17.00 horas e só permitirase estacionar ata esa hora na Avenida de Encoirados.
Os vehículos que se atopen estacionados en ambas as marxes non poderán saír ata o remate do desfile, como medida de seguridade. Para garantir a circulación rodada, os vehículos que procedan de Sanxenxo cara a Pontevedra serán desviados na rotonda das Bardancas cara á VG4.8 e aqueles que viaxen desde Pontevedra ata Poio serán desviados na rotonda do Pazo Besada cara a Lourido, Campelo ou a AP-9, establecendo diferentes itinerarios alternativos.
Recoméndase aos condutores, desde a organización que corre a cargo do Concello de Poio, que circulen desde Pontevedra ou Vilagarcía con dirección a Sanxenxo que utilicen a VG4.8. O corte da PO-308 atoparase sinalado e regulado por axentes da Policía Local. Durante o operativo atoparanse tamén efectivos de Protección Civil e dos Servizos Operativos do Concello.