Monte Porreiro terá unha tirolina de máis de 20 metros no parque da praza de Europa
Por Redacción
O barrio pontevedrés de Monte Porreiro estreará antes de que remate o primeiro trimestre do ano 2020 unha tirolina de máis de 20 metros de lonxitude para incrementar a oferta de lecer.
Este novo xogo de aventura instalarase en pleno corazón do barrio, no parque da Praza de Europa, entre as rúas Bélxica e Alemaña.
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural do Concello de Pontevedra contratou a actuación á empresa de carpintería Carpiglob SL cun orzamento que ronda os 20.000 euros.
Segundo indicou o concelleiro responsable deste departamento municipal, o socialista Iván Puentes, a previsión é que nos primeiros tres meses de 2020 estea construída esta tirolina que se converterá "sen dúbida" nunha sensación para as nenas e nenos de Monte Porreiro, "achegando un maior carácter de aventura e ilusión á oferta de xogos desta zona de Pontevedra e fomentando a superación, o desenvolvemento físico, a psicomotricidade e o fortalecemento saudable na infancia.
A tirolina será de madeira e aceiro inoxidable de alta resistencia e terá un acceso mediante rampla, incorporando o correspondente valado de seguridade na contorna do xogo.
A súa instalación enmárcase dentro das actuacións de mellora que o Servizo Municipal de Parques e Xardíns está a acometer nas áreas de xogo da urbanización de Monte Porreiro co obxectivo de acadar o mellor estado e calidade posible das mesmas.
A maiores xa destinaron outros 24.000 euros a un proxecto que permitirá a renovación das zonas de lecer infantil da contorna do Mirador, a Praza de Europa e as rúas Irlanda e Portugal.
Relacionadas:
-
O parque da Praza de Europa estreará a súa tirolesa "en próximas semanas"
Por Redacción |
-
Corenta mil euros para reformar a zona de xogos da Praza de Europa
Por Redacción |
-
O iglú de Ponte Xogos recibiu máis de 23.000 visitas
Por Redacción |
-
200 árbores de ribeira iniciarán a repoboación da senda fluvial do Lérez
Por Redacción |