Pataca de Galicia, tamén na provincia de Pontevedra
Por Redacción
O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) vén de publicar a solicitude de modificación da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, co fin de poder estender o ámbito de produción deste selo a toda Galicia.
Desta forma os produtores da provincia de Pontevedra poderán acceder ao selo, algo que ata o de agora non acontecía ao estar limitado a catro subzonas: a de Bergantiños, na provincia da Coruña; as de Terra Chá-A Mariña e de Lemos, na provincia de Lugo; e a da Limia, na provincia de Ourense.
Con esta publicación dáse por concluída a fase de análise do expediente por parte da Comisión e iníciase así un período de tres meses para que os interesados dos outros estados membros poidan formular oposición a esta modificación, de acordo co establecido no artigo 50 do Regulamento Europeo.
Outro dos cambios solicitados é a introdución das variedades agre e fina de Carballo, que se sumarían á actualmente permitida, a kennebec.
Segundo os últimos datos oficiais, na Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia están inscritos actualmente un total de 74 produtores e 10 almacenistas, cunha superficie de produción de 282 hectáreas repartidas entre as catro subzonas. En canto á produción comercializada, no ano 2018 foi de case 6.000 toneladas de pataca, o que xerou un valor económico de case 6 millóns de euros, sinala a Xunta de Galicia.