Cambio de localización para a feira mensual da Lama
Por Redacción
O Concello da Lama anunciou cambios para a feira mensual que se celebra tradicionalmente o último domingo de cada mes.
En concreto concentraranse todos os postos de venda ambulante na chaira da Alameda co obxectivo de potenciar a súa actividade.
A nova localización estrearase xa este mesmo domingo 29 de decembro para os vendedores de roupa, calzado, comestibles, produtos da horta ou plantas, e ademais volverá instalarse un pulpeiro, confirma o goberno local.
Deste xeito, os postos deixarán de estar situados nas rúas lindeiras, nas que se deixará liberdade ao tráfico e ao aparcamento en lugares que ata o de agora ocupaban os vendedores ambulantes para favorecer a accesibilidade aos veciños.
"É unha nova oportunidade e alternativa para potenciar a nosa feira", sinalou respecto diso o alcalde da Lama, Jorge Canda.