A Deputación de Pontevedra xa forma parte da Rede Española de Cidades polo Clima
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Tras aprobalo nun pleno celebrado este venres, a Deputación de Pontevedra vén de formalizar a adhesión á Rede Española de Cidades polo Clima, unha sección da FEMP formada polos gobernos locais que están a apostar por impulsar políticas dirixidas á transición ecolóxica.
Esta rede está a promover actuacións para loitar contra o cambio climático dende o local e minimizar os seus efectos no medio ambiente, sumando sinerxías con outras entidades que están a traballar neste eido.
O primeiro paso é cumprir co manifesto Unha árbore por Europa, ao que tamén se suma a institución provincial e no que se asume o compromiso de plantar unha árbore antes do 5 de xuño de 2020, Día Mundial do Medio Ambiente.
O manifesto inclúe cinco puntos entre os que se atopan o aumento da conciencia social sobre a sustentabilidade, o fomento da colaboración para promover o desenvolvemento sostible, o recoñecemento do papel fundamental da mocidade na consecución da sustentabilidade, a plantación da árbore e a promoción na comunicación institucional da campaña.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou ademais que neste mandato o goberno provincial vai a reforzar a acción encamiñada á defensa do medio ambiente e a paliar a "verdadeira emerxencia climática" que vive o planeta.