O BNG denuncia que a sucidade e o lixo inundan Marín en plenas festas
Por Redacción
O lixo e a sucidade inundaron as rúas de Marín durante dos días de festa. Segundo denuncia o BNG, as queixas veciñais multiplicáronse ás xa habituais pola falta de limpeza no casco urbano de Marín.
En opinión dos nacionalistas, esta imaxe significa que o Goberno local "amósase totalmente incapaz" de dar resposta e de cumprir cun servizo básico que pagan todos os veciños de Marín cos seus impostos.
"ÿ totalmente inconcibible e insólito o estado de falta de limpeza que amosaron a maioría das rúas de Marín durante estes días de festa, e que non fixo máis que evidenciar a falta de organización habitual deste servizo, que se fixo máis evidente nestes días de máis afluencia de público", afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco.
A concelleira sinala que durante o fin de semana as papeleiras da Alameda e do centro rebosaban de lixo, que tamén se acumulaba arredor dos colectores soterrados e en superficie. O paseo do Lameira, a rúa da Roda ou a rúa da Calzada "desprendían un cheiro apestoso", e, segundo Pilar Blanco, "o mesmo podemos dicir do paseo da avenida de Ourense, por onde hai semanas que non pasa unha varredora".
Na súa opinión, "o estado de sucidade que presentan as rúas e directamente proporcional aos gastos do goberno local en servizos privados de limpeza e horas extra aos funcionarios municipais", afirma a concelleira nacionalista.
Así, asegura que nos últimos dous meses a alcaldesa ven de asinar dúas resolucións para a contratación privada do servizo de limpeza de praias e do casco urbano que superan os 40.000 euros, ao tempo que "se disparan os gastos en horas extraordinarias sen que iso serva para conseguir que a nosa cidade manteña un estado mínimo de limpeza".
A voceira dos nacionalistas asegura que o domingo 14 de xullo as mesmas persoas que fan a limpeza das praias acudían, "despois de ser chamadas in extremis", ao parque Eguren e a Alameda para varrer e baleirar papeleiras e mentres se gastan todos estes miles de euros en servizos privados, unha das máquinas varredoras municipais leva meses parada no almacén da Sacoa sen que se dea a orde de reparala e hai rúas que non ven ao camión de baldeo municipal dende hai meses.