O Banco de Libros de Texto entregou preto de 2.000 libros a 264 familias pontevedresas
Por Redacción
Preto de 2.000 libros de texto repartiu xa o Banco de Libros de Texto que impulsa a Concellería de Benestar Social. Todos eles poderían ter un valor aproximado no mercado duns 70.000 euros. Ata o de agora atendéronse 745 solicitudes, das cales quedan pendentes de entregar 304, todas elas de Bacharelato e Secundaria. Os manuais de Primaria xa están repartidos aos seus solicitantes.
Por familias, xa se achegaron a recoller libros á Casa Azul 264 familias e están pendentes de repartirse os lotes solicitados por outras 177 familias. Coas peticións aínda pendentes de entrega, poderíase chegar a un custe duns 140.000 euros de aforro para as familias pontevedresas, que poden empregar estes cartos para completar o lote de libros ou para complementar o material escolar necesario para o inicio do curso.
A Concellería de Benestar dá por pechado a primeira recollida de libros, que rematou o 27 de xuño, pero as familias aínda poden solicitar lotes de libros durante o verán e ata esgotar existencias. Chegado o mes de setembro abrirase unha segunda recollida de libros, logo dos exames de setembro, para aquelas familias que os queiran dar ao Banco de Libros de Texto.
O Banco de Libros de Texto ten unha dobre pretensión. Por un lado, prolongar a vida útil dos manuais escolares dado que moitos deles rematan o curso en perfecto estado de uso e con posibilidades sobradas para ser reutilizados. E por outro contribuír á economía das familias pontevedresas que neste tempos de crise económica non están a pasar o seu mellor momento.
A pesar destes obxectivos coxunturais, a Concellaría defende que esta política de reutilización débese aplicar en todos os ámbitos da vida que sexa posible e en calquera momento, independentemente da situación económica. No caso dos libros escolares debera ser, sinalan, todos os anos como unha medida sustentable e de conservación medioambiental, e como un proceso educativo máis.