Louro propón revisar os principios do PXOM: "non podemos programar o futuro en base a un documento de 2003"
Por Natalia Puga
"Non podemos estar a programar o futuro sobre a base de 2003 cando estamos en 2013". Esta é a premisa sobre a que sosterá o tenente de alcalde e edil de Urbanismo de Pontevedra, Antón Louro, a próxima reunión da Comisión de Infraestruturas. O encontro celebrarase mañá mércores para tratar a folla de ruta a seguir para a tramitación do PXOM, que se retomou grazas a unha pinza entre o PSOE e o PP no Pleno da Corporación.
Louro propoñerá a "necesidade de revisar a realidade dos principios e obxectivos" sobre os que se redactou a proposta de plan actual, un documento aprobado en abril de 2003 que saíu dunha comisión entre políticos, técnicos e cidadáns.
Ese documento é de hai unha década e o concelleiro de Urbanismo entende que neste tempo "teñen cambiado moitas cousas", pois foi elaborado en 2003, "en pleno crecemeto económico" e dez anos despois "hai que abrir un debate real de crecemento diante da situación actual".
"Ese documento entendo que ten que ser revisado e actualizado e sobre a base diso abrir ou debate dá edificabilidade", sostén. Pon como exemplo que o proxecto do PXOM prevé a construción de 30.000 vivendas en 20 anos e defende a "necesidade de debater se se axusta á realidade falar de 1.500 vivendas por ano".
Louro non descarta que a comisión político técnico cidadá que elaborou o documento de obxectivos e principios do PXOM "poida ter outra reunión máis" para debater esa actualización das bases do plan urbanístico.
Na reunión a celebrar este mércores o edil de Urbanismo anunciou que a súa postura será de "defensa absoluta dos núcleos rurais", pois "é fundamental manter o nivel de edificabilidade" que teñen. "En ningún caso imos apoiar a redución de núcleos rurais e da súa capacidade de crecemento", asegura.
Ademais, propoñerá abrir negociacións coa Xunta de Galiciasobre diversos proxectos sectoriais e sobre os chans industriais e de equipamentos. Neste sentido, realizou unha alusión velada ao voceiro do PP na Comisión de Infraestruturas, Ricardo Aguilar, e sinalou que "céntrase só no solo residencial, pero o noso modelo de cidade pasa polo solo residencial, pero tamén comercial".