Ofertan catro parcelas en Valdecorvos para construír 137 vivendas protexidas
Por Redacción
Máis de 5.500 metros cadrados en Valdecorvos. É a superficie de solo residencial urbanizado que a Xunta de Galicia porá a disposición dos promotores e cooperativas interesados en promover en Pontevedra ata 137 vivendas protexidas.
A adxudicación das parcelas, que son propiedade de Xestur, poderá realizarse en réxime de compravenda ou, por primeira vez, en dereito de superficie.
Esta segunda forma de adxudicación, que supón o pago dun canon anual reducido polo uso do solo, supón unha novidade nos concursos de venda de solo residencial propiedade da Xunta de Galicia, xa que ata o de agora unicamente se ofrecía solo en réxime de compravenda.
As parcelas que se adxudiquen en dereito de superficie destinaranse obrigatoriamente á construción de vivendas protexidas para alugueiro, en réxime especial ou réxime xeral. O dereito de superficie terá unha duración de 30 anos.
Para a adxudicación das parcelas terán preferencia as ofertas que vaian destinadas á construción de vivendas en alugueiro.
No caso de empate entre dúas ou máis ofertas, valorarase a proposta arquitectónica, as solucións bioclimáticas e de sostibilidade, eficacia enerxética e outras melloras ofertadas.
Os adxudicatarios das parcelas terán a obrigación de solicitar a licenza de edificación no prazo máximo de catro meses dende a formalización da escritura e as vivendas deberán construírse e cualificarse como protexidas no prazo máximo de 30 meses dende a concesión da licenza de edificación.
Relacionadas:
-
Ángeles Vázquez anuncia que este ano están proxectadas máis de 200 novas vivendas protexidas en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O novo edificio do Museo destinado á arqueoloxía estará en Valdecorvos
Por Alejandro Espiño |
-
Valdecorvos estrea composteiros comunitarios: "As cunchas de mexillón tamén compostan?"
Por Redacción & Mónica Patxot |