A Policía Local detén un home por un roubo nun coche na Barca e investiga se cometeu varios máis
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Policía Local de Poio detivo na tarde deste sábado un home como suposto autor dun roubo con forza nun vehículo estacionado no centro comercial A Barca.
No momento da detención, o home, veciño de Vigo, levaba un bolso no que foron recuperados varios obxectos roubados. Ademais, os policías interviñéronlle tres chaves de coches de diferentes marcas e ata cinco identidades diferentes de documentos persoais, así como varias carteiras, posiblemente de roubos noutros vehículos.
A vítima do roubo identificou varios obxectos que portaba o detido, entre eles unha chaqueta, unhas lentes, unha colonia e un pixama.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, os axentes localizaron nunha 'taquilla' do centro comercial varios obxectos roubados, entre eles a documentación do vehículo forzado.
A Policía Local investiga agora a suposta participación deste detido nos restantes roubos.