Canadá interésase polas interioridades da fábrica de ENCE en Lourizán
Por Redacción
O embaixador de Canadá en España, Jon Allen, e o conselleiro comercial da Embaixada canadense, Deric Dulbien, visitaron este luns o Centro de Operacións de Ence en Pontevedra. O máximo responsable da fábrica galega de Ence, Antonio Casal, explicoulles o proceso polo que, a partir de madeira e restos forestais próximos á fábrica, Ence produce pasta de papel que se exporta a países do norte de Europa en máis dun 95% e xera enerxía abondo para abastecer as necesidades da factoría.
Segundo informou Ence nun comunicado, Allen mostrouse especialmente interesado pola xestión do impacto ambiental do centro. Chamoulle especialmente a atención a xestión do impacto oloroso do Centro de Operacións de Pontevedra. Casal explicoulle que o obxectivo da empresa é alcanzar o "olor cero" nos próximos meses: "Levamos tempo traballando para iso e imos logralo".
Allen tamén se interesou pola calidade das augas da Ría e pola compatibilización das actividades industrial e marisqueira no ámbito. Mentres a delegación canadense visitaba a factoría, decenas de persoas marisqueaban na Ría.
A creación de emprego foi outro dos temas que se tocaron no transcurso da reunión. Os diplomáticos canadenses coñeceron que a produción de pasta de papel e a xeración de enerxía con biomasa son actividades moi intensivas en xeración de postos de traballo. Ence xera máis de 1.000 empregos en Pontevedra e ata 5.000 en toda Galicia, o 80% deles en áreas rurais e ligados a labores forestais como a curta de madeira e a recolección de biomasa.
O director de Desenvolvemento Internacional de Enerxía de Ence, Miguel Sánchez-Praena, e Casal explicaron ao embaixador e ao conselleiro comercial da Embaixada de Canadá o modelo de xestión de enerxía con biomasa de Ence. Canadá é un país que coida especialmente a súa industria forestal e o seu medio, de aí que, antes da reunión, o embaixador manifestase que había moitos puntos de encontro entre a actividade de Ence e o país americano.
E PARA REMATAR, MARISCADA
O embaixador de Canadá mostrou a súa satisfacción tras a visita e o seu desexo de que as relacións entre Ence e Canadá continúen. Ao termo da reunión puido, ademais, coñecer a excelencia da gastronomía das rías galegas nun céntrico restaurante da cidade. "A iniciativa de que comese en Pontevedra foi de Ence", explicou Casal.
"Quixemos que coñecese a calidade dos peixes e mariscos da zona e que puidese coñecer tamén algo de Pontevedra. Desafortunadamente, o tempo era limitado. Pero cremos que se levou a mellor impresión de Pontevedra e do proceso de mellora que converteu a fábrica de Lourizán nun exemplo de boa xestión ambiental a nivel global no seu sector".