O 88% dos veciños de Moraña terá fibra óptica en 2021
Por Redacción
A rede de fibra óptica de Moraña estenderase a 44 núcleos máis do municipio. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) confirmou que a empresa Movistar acometerá esta ampliación. Isto significa que o 88% dos veciños de Moraña terá acceso a internet a gran velocidade en 2021.
Na actualidade, e ao abeiro do Plan de Banda Larga impulsado pola Xunta de Galicia, estase a rematar esta rede tecnolóxica no casco urbano de Santa Lucía, nos polígonos industriais de Afieiras e Mirallos e nos lugares de Soar, O Covelo, Paraños, O Souto, Corrigatos, Chaián e Alberguería.
Esta actuación, acometida polos operadores R Cable e Telefónica, quedará rematada nas vindeiras semanas e permitirá que accedan a este servizo un total de 1.910 habitantes.
A extensión de esta rede desenvolverase durante os dous vindeiros anos para estar executada antes de que remate o ano 2021.
Os lugares beneficiados son Barro, Cartamil, O Castriño, A Picota, Piñeiro, Pumardatán, Ruibal, Vilacova, A Chan, Torre de Abaixo, Cosoirado, O Muíño, San Martiño, Espedregueira, O Casal, Conles, Fontenla, A Penagrande, Trambosríos, Sorrego, Portopereiro, Alende ou A Bouza.
Tamén haberá rede en As Casiñas, Santa Xusta, A Laxe, O Lameiro, Longás, As Pontellas, Rial, O Batán, O Calvo, A Fontaíña, Rebón de Arriba, Barosela, As Cortiñas, A Chociña, Mos, O Río, Sabadín, Santa Margarida, Saiáns, Suigrexa e O Buelo. Son, en total, 1.793 veciños.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, fixo este anuncio nunha visita a Rebón, que vai ser unha das máis beneficiadas pola chegada da fibra óptica, xa que ata a data había bastantes dificultades para implantar un servizo axeitado de acceso a Internet por cuestións técnicas.