VÍDEO.- A APDR denuncia a apertura dunha canle para secar unha pequena lagoa na praia de Lourido
Por Redacción
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) anuncia que presentará denuncia ante o Servizo de Costas do Estado en Pontevedra e ante o Seprona para que se abra unha investigación pola apertura dunha gabia nunha zona de vexetación situado na parte posterior da praia de Lourido, no municipio de Poio.
Neste espazo fórmase durante o inverno unha pequena lagoa que recolle a auga da choiva e serve de refuxio para diferentes especies de animais. Integrantes da APDR comprobaron que o venres se atopaba unha pa mecánica na zona coa que se abría unha canle para liberar a auga cara á ría e, desta forma, secábase a pequena lagoa.
Segundo entende este colectivo, trátase dunha acción contraria ao medio ambiente ao intervir maquinaria pesada nun espazo natural situado nunha zona protexida pertencente ao dominio público marítimo-terrestre e para calquera intervención é necesario o permiso de Costas do Estado.
A asociación que preside Antón Masa sospeita que se trate dunha decisión adoptada polo Concello de Poio. Ante esta situación, reclama unha investigación para depurar responsabilidades e que se actúe contra os encargados de adoptar esta decisión que, entenden, incorre nun delito ecolóxico.