Eliminados varios puntos de vertedura ao río Loira procedentes da rede de saneamento de Seixo
Por Redacción
O Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia, vén de poñer fin aos vertidos cara ao río Loira, procedentes da rede de saneamento municipal que recolle as augas residuais urbanas do lugar de Seixo, no Concello de Marín.
A existencia das verteduras foi detectada polo persoal de Augas de Galicia a raíz dunha alerta de vertedura notificada polo Servizo de Emerxencias 112. Segundo puido verificar o persoal inspector, estas tiñan a súa orixe nunha filtración de augas residuais urbanas procedentes da rede de saneamento, cara á rede de pluviais da zona, as cales discorren paralelas.
Dita problemática foi debida a unha rotura na canalización da rede de saneamento, verténdose finalmente as augas residuais cara ao río Loira a través da rede de pluviais, na cal se constatou a presenza de carga contaminante. O problema foi comunicado ao Concello de Marín, e requiriuse para que se procedera á emenda das verteduras detectadas.
Tras varias inspeccións de seguimento do punto de vertedura, recentemente nunha nova visita xirada á zona, comprobouse que o Concello procedeu a corrixir as deficiencias detectadas, mediante a localización do defecto na rede municipal que causaba as filtracións e o selado de dita fisura. Deste xeito quedaron eliminados os aportes contaminantes directos ao dominio público.