O Concello alega que os pantaláns do Náutico vulneran o Plan de usos do Porto
Por Redacción
Tras recibir o mércores o expediente solicitado a Portos de Galicia sobre a concesión administrativa ao Real Club Náutico dunha superficie de lámina de auga no porto para a construción dos seus peiraos, a Xerencia Municipal de Urbanismo ultima xa o recurso que presentará a principios de semana contra esta autorización.
Os argumentos que a Administración local empregará para evitar que este proxecto siga adiante nos termos nos que foi referendado céntranse no feito de que vulnera tanto o Plan Especial de Ordenación do Porto Deportivo Juan Carlos I coma o seu Plan de Utilización, que foi aprobado por Portos de Galicia.
Dende o Concello de Sanxenxo alegan tamén que a actuación prevista infrinxe as directrices marcadas polo Plan de Ordenación do Litoral, no que a praia urbana Dos Barcos está contemplada como zona de protección intermareal na que, polo tanto, non está permitido un uso construtivo.
"A colocación de pilotes sobre a area desta praia, que soportarán a plataforma de acceso que conectará o peirao cos embarcadoiros, está prohibida pola cualificación que dese espazo fai o POL", defenden dende o Goberno local, apuntando á súa vez á presión paisaxística que xerará sobre a costa esta infraestrutura dende a auga como outro dos aspectos negativos derivados desta construción.
O Executivo sanxenxino vai máis alá e lamenta profundamente a imaxe que se está a proxectar deste destino turístico
Pero o Executivo sanxenxino vai máis alá e lamenta profundamente a imaxe que se está a proxectar deste destino turístico por iniciar as obras no mes de xullo e acometer ademais un movemento de area na praia dos Barcos non considerado na documentación técnica aprobada por Portos de Galicia e que provocou alarma social.
O equipo de Goberno asegurou non entender como o Real Club Náutico deu luz verde á realización destes traballos tan só uns días antes do inicio do campionato mundial de Vaurien que comeza este sábado, sendo esta entidade a organizadora do evento deportivo que tamén podería verse prexudicado polas tarefas.
Non obstante, o Executivo sanxenxino logrou que Portos de Galicia ordenase este venres a paralización preventiva dos traballos tras o requirimento oficial realizado o xoves pola alcaldesa de Sanxenxo alertando dos movementos de terra de gran calado que se estaban a efectuar na praia urbana Dos Barcos, acompañando a súa solicitude cunha reportaxe fotográfica que confirmaba a magnitude da actuación.