Indignación en Sanxenxo polos "destrozos" das obras do novo pantalán do porto
Por Redacción
"Esnaquizaron media praia", lamentan desde SOS Panadeira. Tras meses de paralización, o Club Náutico de Sanxenxo retomou os traballos de construción do pantalán, pero segundo denuncian os veciños fíxoo cun movemento de terras na praia dos Barcos que tanto este colectivo como o goberno municipal cualifican de "barbaridade". Por iso, volveron á mobilizarse.
Fixérono cunha concentración de protesta na praia dos Barcos, onde a empresa que está executando os traballos colocou unha escavadora que é a encargada de mover a terra. Ademais da manifestación convocada de urxencia por SOS Panadeira para a tarde deste xoves, a asociación decidiu ocupar o arenal todos os días ás nove da mañá para intentar paralizar as obras. Algo que lograron por segundo día consecutivo.
Ás protestas dos veciños integrados nesta asociación uníronse ademais moitos dos habituais turistas do municipio, así como tamén numerosos hostaleiros que creen que estes traballos, en pleno mes de xullo, prexudican a imaxe da localidade. Por iso, baixo unha pancarta que rezaba "a praia e o mar non se vende, se defende" avisaron que continuarán as mobilizacións ata que se desbote por completo este proxecto.
MALESTAR NO CONCELLO DE SANXENXO
Ante estes traballos, o Concello de Sanxenxo remitiu este xoves a Portos de Galicia a solicitude oficial para que proceda a decretar a paralización das obras e impoña a obrigación de repoñer os terreos ao seu estado natural. Segundo defende o goberno municipal, estas actuacións non están contempladas na documentación técnica aprobada por Portos de Galicia "polo que carecen de habilitación administrativa que as lexitime".
A empresa que executa estes labores procedeu onte a abrir unha canle paralela á rampa existente no porto, co fin de facilitar desde a auga os traballos de pilotaxe dos postes que sosterán a futura baixada de acceso aos embarcadoiros previstos no proxecto. Para iso, a firma adxudicataria acometeu movementos de terra de gran calado e fixo provisión de area sobre a praia dos Barcos utilizando unha retroescavadora.
Ademais, o Concello mostrou o seu profundo malestar e desacordo, non só coas obras levadas a cabo, senón tamén co momento elixido para realizalas "ao atoparnos en plena época estival e afectar ao porto e ás súas inmediacións nas que, como é ben sabido, se concentra un alto número de establecementos hostaleiros, comerciais e recreativos, que se ven afectados no desenvolvemento da súa actividade, o que resulta inaceptable para esta Administración municipal, sendo a actividade turística o motor económico deste concello".
Relacionadas:
-
Recurso xudicial do Concello de Sanxenxo contra a concesión dos novos peiraos no Náutico
Por Redacción |
-
O Club Náutico de Sanxenxo di que é falsa a denuncia de SOS Panadeira sobre a falta de seguridade nas obras do pantalán
Por Redacción |
-
Sanxenxo pide a Portos de Galicia que revoque a licenza das obras do novo pantalán do Náutico
Por Redacción |
-
O Concello alega que os pantaláns do Náutico vulneran o Plan de usos do Porto
Por Redacción |
-
Portos de Galicia paraliza cautelarmente por "falta de seguridade" as obras do Náutico
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Sanxenxo recorrerá a autorización de Portos á construción dos peiraos do Náutico
Por Redacción |