Política Social propón reabrir a Casa da Quintán como centro de menores tutelado
Por Redacción
Parece que se moven as cousas arredor da Casa da Quintán. A consellería de Política Social comunicou ao Concello de Ponte Caldelas a súa intención de reabrir estas instalacións e convertelas nun centro de menores tutelados.
"Acollemos con satisfacción que se lle dea un uso social a esta vivenda logo de máis de dez anos pechada", asegurou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. Con todo, o goberno municipal solicita que o proxecto vaia máis alá.
Tendo en conta as dimensións da vivenda e o carácter rural dunha vila como Ponte Caldelas, o Concello pedirá á Xunta de Galicia que se compatibilice ese centro de menores cun centro de día para persoas maiores, creando así un centro mixto de convivencia interxeracional.
Nel, segundo Andrés Díaz, as persoas maiores e os menores de idade estarían conectados, "intercambiando experiencias de vida e contribuíndo xuntos a equilibrar e enriquecer a sociedade". Ambos colectivos, segundo o alcalde, serían beneficiados por este enfoque.
Aínda que a titularidade da Casa da Quintán é da Xunta de Galicia, logo da cesión feita pola Fundación Sálvora, o Concello de Ponte Caldelas agarda que o goberno galego "escoite as nosas propostas".
A idea que expón Ponte Caldelas é dar continuidade a iniciativas similares que se puxeron en marcha por parte da Consellería de Política Social en outros puntos de Galicia, como o centro interxeracional de A Farixa, en Ourense, onde conviven un centro de día para persoas maiores e unha escola infantil.
Neste caso, a vivenda xa está construída e equipada e o Concello aporta a idea. Só faltaría, segundo Díaz, "a vontade de poñelo en marcha a moi baixo custo" por parte do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.
A este respecto, Ponte Caldelas enviou unha carta dirixida a Fabiola García, conselleira de Política Social, na que solicitan a posta en marcha deste centro interxeracional que atenda as necesidades do municipio "pois a atención aos nosos maiores é unha prioridade", conclúe o rexedor da vila.
Relacionadas:
-
Andrés Díaz insiste en que a Casa da Quintán acolla un centro interxeracional
Por Redacción |
-
Descartan o centro interxeracional que Ponte Caldelas pedía para a Casa da Quintán
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas volve solicitar unha entrevista coa conselleira de Política Social pola Casa da Quintán
Por Redacción |
-
O alcalde de Ponte Caldelas quere falar coa Xunta da Casa da Quintán
Por Redacción |
-
O Concello e a Fundación Sálvora unen esforzos para pedir á Xunta a apertura da Casa da Quintán
Por Redacción |