Carmela Silva reivindica o papel das deputacións na consolidación da democracia local
Por Redacción
Pontevedra e Segovia foron as deputacións elixidas para representar a todos os gobernos provinciais do Estado no acto de recoñecemento que o Senado realizou este xoves para homenaxear ao municipalismo ante os corenta anos da democracia local.
O acto, no que se conmemoraron as catro décadas que pasaron desde as primeiras eleccións municipais democráticas tras a aprobación da Constitución (1979), estivo encabezado polo presidente do Senado, Manuel Cruz, o ministro en funcións de Política Territorial, Luis Planas, e o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero.
A titular da deputación pontevedresa, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción polo recoñecemento do Senado ao traballo desenvolvido polos órganos intermedios, que permiten que os concellos máis pequenos, sobre todo os de menos de 20.000 habitantes, teñan garantidos dereitos e servizos, "que é o que nos move dende a Deputación de Pontevedra".
Na súa intervención, Silva recordou que en España hai 41 deputacións e soamente seis mulleres presidentas, é dicir o 14% do total, o que significa que nos organismos intermedios "aínda queda un longo camiño que percorrer para acadar a paridade".
Neste eido, a presidenta provincial amosou a súa ledicia por ver que no acto da FEMP desta mañá no Senado tamén se recoñeceu o labor desenvolvido polas mulleres, "de tantas mulleres que dende o local levaron adiante as súas ideas e os seus proxectos e transformaron o espazo público cunha mirada en feminino".
O acto de homenaxe ao municipalismo celebrouse no antigo salón de sesións da Cámara Alta e permitiu recoñecer aquelas persoas que permitiron consolidar a democracia local.
Deste xeito, fíxose un recoñecemento aos 22 alcaldes que dende 1979 seguen desempeñando dito cargo nas súas respectivas localidades, ás primeiras alcaldesas que resultaron elixidas naquela data (con presenza de catro delas no acto) ou á primeira muller que gobernou unha capital de provincia, que foi a de Valencia.
Ademais, tamén se honrou aos alcaldes e alcaldesas nacidos en 1979, ao actual alcalde máis novo do Estado e ás deputacións provinciais como elementos de cohesión e equilibrio territorial.