Escolares de Pontevedra estudarán a calidade do aire na cidade a través dos liques
Por Alejandro Espiño
Pontevedra será, xunto a Oviedo a Pamplona, unha das tres cidades que participarán na segunda fase do programa Liquencity, un proxecto de investigación que estuda os niveis de contaminación atmosférica nas urbes españolas a través dos liques.
Tras una primeira fase no que se analizou a situación de Madrid e Barcelona, o proxecto dá un paso máis e camiña cara a periferia nacional. A Universidade de Vigo será a socia en Pontevedra desta iniciativa, impulsada polo Real Jardín Botánico, o Centro Superio de Investigacións Científicas (CSIC) e GBIF España.
A través dunha aplicación para teléfonos móbiles, os participantes aprenderán a identificar os liques e rexistrarán a súa presenza nas árbores da cidade, o que permitirá á súa vez avaliar os niveis de contaminación do aire, xa que estes organismos son excelentes indicadores.
Esta aplicación, informa o CSIC, permitirá crear mapas de diversidade de liques e contaminación atmosférica para cada cidade, o que servirá tamén para concienciar á poboación dos efectos que a contaminación invisible do aire ten para a saúde.
Estudos previos amosaron que as afeccións respiratorias teñen unha alta correlación coa presenza ou ausencia de certas especies de liques nas cidades. Segundo se desprende do último estudo da Carga Global de Enfermidade (CBD), sinala o CSIC, prodúcense ao ano en España cando menos 15.000 mortes atribuíbles á contaminación atmosférica.
"Existen unha serie de especies de liques que caracterizan ben as zonas máis e menos contaminadas", explican Graciela Paz e Eugenia López de Silanes, docentes da área de Produción Vexetal da Escola de Enxeñaría Forestal, que serán as responsables do traballo de campo que fagan os alumnos de
secundaria, bacharelato e formación profesional de Pontevedra.
No caso de Pontevedra, pretenden identificar e cuantificar as especies de liques presentes en árbores cun tronco de cando menos 30 centímetros de diámetro e dunhas especies determinadas que, segundo as mestras de Forestais, "caracterizarían ben as zonas cunha contaminación alta, media ou baixa", a través da presencia ou ausencia de liques nas árbores.
Este traballo permitirá ademais facer un mapa da contaminación de Pontevedra e tamén está prevista a organización dun "bioblitz" na cidade, un evento centrado no rexistro de diferentes especies nunha determinada zona.