Sanxenxo propón atrasar o bus polos viaxeiros do tren a Madrid
Por Redacción
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, solicitou á dirección xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Medio, Territorio e Infraestruturas, que acorde coa empresa concesionaria da liña de transporte por estrada que une Pontevedra con Sanxenxo o atraso en media hora do último autobús que parte cara a este destino.
Con esta medida, a rexedora busca favorecer que os usuarios do tren que une Madrid coa capital da provincia "dispoñan do tempo suficiente para coller o bus que vai aos municipios de Poio, Sanxenxo e O Grove, todos eles concellos turísticos".
E é que Renfe substituíu entre Galicia e Madrid os trens Talgo diúrnos polos novos Alvia duais da serie 730, cambio que levou consigo beneficios para os seus usuarios ao circular a través da liña de alta velocidade dende Madrid a Medina do Campo. Nesta localidade o ferrocarril muda de ancho de eixe no cambiador próximo á estación para marchar por vía convencional por Zamora ata Ourense e Pontevedra.
O convoi que parte de Madrid ás 15.00 horas agora chega a Pontevedra ás 22.03 horas
Esta mellora supuxo unha importante redución do tempo da viaxe cifrada en 57 minutos, de maneira que o convoi que parte de Madrid ás 15.00 horas agora chega a Pontevedra ás 22.03 horas.
Non obstante, o último autobús que sae da cidade en dirección a Sanxenxo "é o das 22.00 horas, polo que os viaxeiros que chegan no tren non teñen opción por uns minutos de empregar un medio de transporte público para achegarse a destinos turísticos das Rías Baixas como Poio, Sanxenxo ou O Grove e vense obrigados a contratar un servizo de taxi co custe que elo leva ao tratarse de traxectos longos", explicou González.
Por iso, coa intención de favorecer o fluxo de visitantes a estes municipios e, especialmente, a Sanxenxo, a alcaldesa solicita que a empresa Monbus -concesionaria desta liña- atrase ata as 22.30 horas a saída do último autobús da xornada entre Pontevedra e Sanxenxo.
"Esta medida permitirá aos usuarios do tren Madrid-Pontevedra contar co tempo suficiente para tomar o bus, tendo en conta ademais que as estacións destes transportes atópanse a escasos metros de distancia", recordou a rexedora.