A Policía Nacional alerta de novos casos da 'estafa da xordomuda' en Pontevedra
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra localizaron nos últimos días na capital novos casos da 'estafa da xordomuda', na cal un grupo de mozos ou mozas se dedican a pedir donativos para unha suposta asociación de persoas con minusvalidez ou nenos en situación de pobreza.
Ante a identificación de varias mulleres de orixe romanesa nas rúas peonís do centro da cidade, a Policía Nacional recomenda extremar as precaucións ao "tratarse de asociacións supostamente ficticias que só perseguen o lucro persoal dos que solicitan os donativos, ademais de aproveitar na maioría dos casos para, mentres un deles entretén a posible vítima, subtraerlle a carteira ou as xoias que porte nese momento".
O método que levan a cabo estas persoas baséase en abordar xente pola rúa portando unha carpeta na que achegan varios folios con dous selos na parte superior.
Segundo a Policía "o selo da esquerda mostra unha especie de escudo que aparece borroso e sen ningunha característica visible, mentres o anagrama da parte superior dereita pode ser un logotipo dunha cadeira de rodas e debaixo unha lenda en maiúsculas co nome e a finalidade da suposta fundación". Noutros casos pódese tratar tamén dunha asociación de xordomudos.