Triunfan os traballos de fin de grao do alumnado de Belas Artes
Por Redacción
Máis dun cento de traballos de fin de grao, defendidos en diferentes universidades españolas, concorreron á segunda edición do Premio Talento Artístico Ahorro Corporación Financiera, un certame que, ao igual que na súa primeira edición, volveu recoñecer o talento do alumnado formado na Facultade de Belas Artes do campus pontevedrés.
Percepción branca. Investigación do mínimo xesto e a máxima expresión, a obra que constitúe o traballlo da egresada deste centro Carmen Quintáns, foi seleccionado polo xurado como gañadora dun primeiro premio, dotado con 6.000 euros, dun certame que ten por obxectivo visibilizar aos artistas emerxentes de España.
Así mesmo, estes galardóns tamén recoñeceron, cun segundo premio, a obra 0836-36002, Destinatario-Remitente, da tamén titulada en Belas Artes e alumna do máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda Mireia Bruguera.
Aos recoñecementos acadados por Quintáns e Bruguera sumouse tamén os últimos días o galardón que a alumna de doutoramento da facultade Manuela Elizabeth Rodríguez (MeliMolita) acadou na segunda edición do Premio Compostela Ilustrada.