Os alumnos do Carlos Oroza sorprenden cun showcooking con selo pontevedrés en Etiqueta Negra
Por Manu Otero & Cristina Saiz
Etiqueta Negra, a feira de produtos gourmet galegos que se celebra estes días no Recinto Feiral de Pontevedra, bota o peche este luns e o fixo ao grande. Os alumnos do CIFP Carlos Oroza sorprenderon aos visitantes, alumnos de diversos institutos da comarca, cun espectacular showcooking en directo aderezado con degustación e un paseo virtual polos lugares máis emblemáticos do centro histórico pontevedrés.
Desde as 11.30 horas, os estudantes de cociña foron desfilando en parellas polo mostrador para preparar diversas receitas diante dun auditorio a rebordar. Entre prato e prato, proxectábase nunha pantalla xigante unhas imaxes da cidade do Lérez cunha locución que facía fincapé na tradición culinaria, gastronómica e comercial de Pontevedra. Sempre coa comida e os produtos autóctonos como fío condutor.
Comezou o espectáculo coa preparación dun zume vexetal a base de froitas, grelos e mel que calquera podería elaborar nas súas casas. mentres os cociñeiros ultimaban a preparación, os seus compañeiros repartían entre as bancadas esta refrescante bebida entre o público.
A elaboración dun pequeno pan de masa nai recheo dunha salsa de tomate confeitado deu continuidade ao show, no que tamén se ofreceu a degustación dun cóctel sen alcol a base de uva, unha tosta de sardiña e unha sobremesa de chocolate.
Un deleite para o padal na última xornada de Etiqueta Negra, que manterá aberta as súas portas ata as 20 horas deste luns con novas sesións de catas de viño e cervexas, venda de produtos gourmet co selo galego.
E ademais, cociñeiros da talla de Moncho Bargo, Xabier Cubillo, Manu Núñez, Daniel Guzmán, Julio Sotomayor, Miguel Mosteiro ou Fran Sotelino serán os protagonistas dos showcookings desta xornada de clausura.