A UNED insta os seus alumnos a referirse a 'Poyo', 'Villanueva de Arosa' ou 'Arteijo' como topónimos "correctos"
Por Redacción
Poyo, Villanueva de Arosa, Puenteareas, Orense, Carballino ou Arteijo. Así son as formas "correctas" para referirse a todas estas localidades galegas. ÿ o que asegura a UNED na materia Comunicación Oral e Escrita en Lingua Española II, segundo asegura A Mesa pola Normalización Lingüística, recollendo unha denuncia dunha estudante da propia universidade.
Nos manuais e nos exames de dita asignatura recóllese, segundo A Mesa, "toda unha listaxe de topónimos galegos nos que as formas xenuinas e oficiais eran marcadas como incorrectas e se prescribía a súa substitución polas formas deturpadas en español". Polo tanto, o alumnado vese obrigado a corrixir os topónimos oficiais polas formas castelanizadas que son sinaladas no manual.
A Mesa critica que no citado manual déase a entender que só as administracións públicas deben respectar a legalidade en cando aos topónimos se refire, ao entender que é "absurdo" pretender que se estenda aos ámbitos non oficiais. Cualifican ademais como "falaz e demagóxico" situar o respecto á toponimia galega "no mesmo saco que o uso de toponimia inglesa, alemá ou neerlandesa".
Segundo este colectivo, a doutrina transmitida polo manual é contraria aos propios estatutos da UNED, "nomeadamente o seu artigo 5 que sinala como unha das súas misións fundamentais ou apoio ás linguas e culturas de España".
Por este motivo desde a asociación en defensa da lingua galega anunciaron que tomarán medidas para esixir que a UNED "institución amplamente subvencionada por concellos e deputacións galegas, alén de polos impostos que pagamos todas e todos" respecten a toponimia galega, "única xenuina, oficial e correcta" dos nomes das localidades galegas.