Xunta e Fundación Galega contra o Narcotráfico analizan novas vías de colaboración
Por Redacción
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo este martes unha xuntanza co presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Couceiro e co seu xerente, Fernando Alonso, cos que abordaron as distintas vías de colaboración que manteñen e estudaron incrementalas a novos ámbitos.
Nese sentido, o vicepresidente comprometeuse a analizar a proposta da Fundación para mellorar e axilizar a administración e depósito dos bens incautados en procesos xudiciais de narcotráfico.
Rueda valorou a iniciativa e explicoulles aos responsables da Fundación que a trasladará para o seu estudo tamén as distintas administracións implicadas na cuestión.
Ademais, Vicepresidencia e a Fundación Galega contra o Narcotráfico renovarán este exercicio a colaboración que manteñen dende o ano 2011 para ter en funcionamento un servizo de atención telefónica de de prevención na loita contra o narcotráfico e seguir desenvolvendo todas aquelas actividades encamiñadas a denunciar e erradicar a lacra social que esta supón.
Esta liña 900 de prevención da drogadicción e do tráfico de drogas ten horario de atención ó público de mañá e tarde. Ademais, a fundación colabora coa Administración na elaboración de estatísticas e informes que axuden ó desenvolvemento das actuacións de carácter preventivo, fomentar a información e divulgación dos efectos negativos das drogas, mediante a realización de xornadas e seminarios.