Unha carpa permitirá que a Praza de España acolla este domingo a Feira de Artesanía
Por Redacción
Este domingo, Ponte Caldelas celebra a cuarta edición da Feira de Artesanía coa presenza de 33 expositores. Será a primeira vez en que este evento teña lugar na praza de España.
As previsións de inestabilidade meteorolóxica levaron á organización, a Asociación Nas Miñas Mans en colaboración co Concello de Ponte Caldelas, a instalar unha carpa, que permanecerá aberta entre as 11.00 e as 20.00 horas.
Neste espazo poderase participar en obradoiros de xabóns e de feltro, ademais de asistir a charlas sobre alimentación saudable ou ver tallas en madeira realizadas cunha motoserra.
Ademais, nos postos poden adquirirse diferentes elementos elaborados artesanalmente como roupa de la, madeira tallada, cerámica, bixutería, bolsos, marionetas, xoguetes de madeira, xabóns naturais, pezas de coiro, entre outros moitos produtos.
A cita contará tamén coa posibilidade de probar a gastronomía máis tradicional con pan vegano, filloas e galletas artesás, ademais de cervexa. A entrada é de balde.