Os soportais da Ferrería acolleron a tradicional Festa dos Calacús
Por Cristina Saiz & Redacción
Pontevedra goza da noite do 31 de outubro con diversas actividades e a tradicional Noite dos Calacús. Os soportais da Ferrería acolleron os talleres infantís para elaborar coas cabazas as típicas figuras recreando rostros e cunha vela no seu interior.
A actividade non se puido realizar na praza da Verdura debido á choiva e ás 18.00 horas comezaba con explicacións sobre como adornar os calacús dentro do Samaín galego. Algúns pequenos seguían a liña marcada pola tradición norteamericana de Halloween e atrevíanse, sen moito éxito, a preguntar "truco ou trato?".
O Concello colabora coa organización desta actividade e coa que se desenvolverá o 9 de novembro no Burgo e en Monte Porreiro; e o 16 de novembro na praza da Curtidoira, no barrio de Eduardo Pondal no mesmo lugar.
Esta mesma noite do 31, o Dj Set Pablo ofrecía un concerto dentro dos actos de Samaín no Mercado de Abastos. Este venres ás 13.00 horas celebrarase un espectáculo de maxia co ilusionista Yago Barral e ás 20.00 horas está prevista a celebración dun concurso infantil de disfraces no mesmo lugar.
O espazo gastronómico do Mercado acollerá o sábado 2 ás 13.00 horas o obradoiro de maquillaxe terrorífica para menores e xa o domingo, ás 13.00 horas, Bea Mazaira e Nico Rodríguez ofrecerán un concerto.