O Salnés intentará seducir a rusos, alemáns e británicos
Por Redacción
A directora de Turismo de Galicia e mais o presidente da Mancomunidade do Salnés, composta polos concellos de Vilagarcía de Arousa, Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo e O Grove, asinaron este luns un convenio cuxo obxectivo é a realización de diferentes actuacións para poñer en valor turístico os recursos singulares deste territorio.
Para promocionar, fomentar e difundir a actividade turística na zona, levaranse a cabo actuacións relacionadas coa internacionalización do destino a través de accións co mercado ruso, alemán e co Reino Unido, así como realizando unha misión comercial inversa con touroperadores. No eido das novas tecnoloxías crearase unha aplicación específica sobre o territorio para smartphones, unha páxina web, unha reportaxe fotográfica para actualizar esta plataforma comunicacional así como un plan de E-marketing.
No ámbito da creación de produtos turísticos traballarase en aspectos relacionados coa homologación de rutas, a creación de arquivos KML e fotografías así como a elaboración de material promocional sobre os roteiros.
De tal modo que os museos, as praias moitas delas con distintivos de calidade turística e ambiental-, os xacementos, os espazos singulares como o Complexo Intermareal Umia-Grove, as mostras de arquitectura relixiosa, a vinculación deste territorio co enoturismo e a súa magnífica gastronomía, estarán ao alcance dos viaxeiros de todo o mundo a través das novas tecnoloxías e das diferentes accións promocionais e de comunicación.
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o sector turístico xera preto do 11% do noso PIB e "Galicia é a comunidade que máis aposta por este sector, un sector con futuro e con posibilidades de desenvolvemento que ten o mellor produto, que é a nosa terra e que contribuirá a preservala e a poñela en valor".