Sindicatos da Autoridade Portuaria de Marín denuncian o "autoritarismo e incompetencia" de Suárez Costa
Por Redacción
Os sindicatos Comisións Obreiras, o Sindicato Profesional de Policías e Bombeiros (SPPLB) e CIG emitiron un comunicado criticando a xestión do presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez Costa.
Estas centrais afirman que o máximo dirixente do porto durante os seus máis de dez anos á fronte deste ente público desvía a súa responsabilidade ante calquera problema e sinalan que o crecemento do porto se debe máis á iniciativa privada que á súa xestión á fronte da entidade.
No apartado relacionado co persoal denuncian que mantén un calendario laboral prorrogado no que non se recolle ningunha reclamación da parte social. Neste sentido, apuntan que mentres noutras autoridades portuarias se adoptan medidas para favorecer a conciliación, "en Marín impóñense horarios inxustificados".
Por outra banda, sinala que a enquisa de factores psicosociais que puxo en marcha a propia empresa portuaria mostra o risco elevado en variables como a carga de traballo ou o nivel de control soportado. Segundo denuncian os tres sindicatos, no Porto de Marín castígase a autonomía e non se atopan definidos nin dimensionados os labores de cada posto de traballo. Aseguran que existen altos índices de absentismo sen que se estuden as causas.
Por último, CC.OO., SPPLB e CIG cualifican de "organización anticuada" a estrutura da Autoridade Portuaria sinalando que nin se orienta o persoal nin se definen plans específicos de formación. Tampouco existe unha Relación de Postos de Traballo (RPT) na que se reflictan os requirimentos formativos para cada unha das ocupacións.
Lamentan que a Autoridade Portuaria teña interposto un recurso contencioso-administrativo contra o Consello de Transparencia e Bo Goberno, que estimara a demanda dun traballador contra a dirección por negarse á entrega do plan de empresa. Indican, ademais, que o persoal non se presenta ás probas debido a que as bases de convocatorias para cubrir prazas como a de responsable de operacións portuarias xa favorecían un determinado perfil de traballador moi específico.
Sinalan que unha situación similar prodúcese cos procesos de mobilidade ata o punto de que nunha convocatoria para o departamento de mantemento non e presentou nin un só aspirante e nas prazas de policía portuaria rexistráronse seis renuncias e dúas das catro prazas vacantes continúan sen cubrirse.
Por último, denuncian tamén o mal funcionamento do proceso de avaliación do desempeño. Trátase dunha ferramenta para recoñecer esforzos e, segundo explican os representantes sindicais, úsase como sistema de control e castigo.
Os representantes sindicais anuncian que adoptarán medidas de presión e rematan o escrito onde falan de autoritarismo, falta de transparencia, irregularidades e incompetencia políticas executadas segundo denuncian coa supervisión do director Miguel Ángel Navarro; e deséxanlle unha feliz xubilación ao actual presidente portuario.