O Porto de Marín véndese en Madrid como o mellor polo para o transporte de froita
Por Redacción
O recinto feiral de Madrid Ifema acolle estes días o evento Fruit Atraction no que participa o Porto de Marín. O presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa, desprazouse á capital española onde presentou ao recinto portuario como o centro loxístico por excelencia para os tráficos de froita no norte da península ofrecendo un servizo integrado con conexión marítima, almacenaxe, clasificación e distribución.
Unha das fortalezas do porto marinense é o seu posicionamento como referente no norte de España na importación de froita cun crecemento medio do 10% anual no últimos cinco anos.
A delegación marinense chegou a Madrid este martes e ten a axenda repleta de actos en Ifema ata o vindeiro xoves. Na Fruit Atraction presentará a súa oferta de servizos para froita e perecedoiros, unha das mercadorías que máis crecen ano a ano no centro de operacións de Marín.
Unha das novidades deste ano pasa pola participación dos principais axentes que interveñen na loxística deste tráfico, compañías navieiras e terminalistas, tanto da terminal de froita como da de contedores na presentación da Autoridade Portuaria.
Os argumentos que diferencian ao porto da ría de Pontevedra dos seus competidores céntranse en que ofrece o mellor tempo de tránsito do sector contando con conexións regulares directas co continente americano que o converten en porto hub para a recepción e distribución no arco atlántico. Ademais da súa privilexiada conexión co porto de Alxeciras. Marín conta ademais con enlaces terrestres coa rede nacional de autoestradas e autovías e ofrece un servizo 24 horas os 365 días do ano.
No evento, Marín compartirá espazo con máis de 1.800 empresas expositoras. Está previsto que asistan ao recinto do Ifema en Madrid 90.000 profesionais do sector procedentes de 130 países.
Relacionadas:
-
Sindicatos da Autoridade Portuaria de Marín denuncian o "autoritarismo e incompetencia" de Suárez Costa
Por Redacción |
-
O porto colaborará coas tres universidades galegas para a realización de prácticas
Por Redacción |
-
O Porto de Marín experimenta "unha evolución positiva" en tráfico de pesca conxelada
Por Redacción |
-
O Porto de Marín renovará a cuberta da lonxa e os pavimentos en diferentes zonas
Por Redacción |