Queren instalar paneis solares, crear hortas ecolóxicas e reducir consumos para mellorar o campus universitario
Por Redacción
Máis de 70 iniciativas puxéronse encima da mesa este mércores durante o encontro do Comité Ambiental da Universidade de Vigo na Casa das Campás co obxectivo de trazar o plan de acción do proxecto Green Campus que se vai a desenvolver ao longo deste curso no campus universitario de Pontevedra.
Entre as propostas contémplase a instalación de paneis solares, a posta en marcha dun grupo de consumo de alimentos de proximidade ou a posta en marcha dunha horta ecolóxica, que permita reducir consumos e cambiar dinámicas.
Na reunión atopábanse presentes responsables da Vicerreitoría, das facultades e escolas, ademais de persoal de diversos departamentos da Universidade. Tamén asistía o concelleiro responsable de Desenvolvemento Sostible no Concello, Iván Puentes, ademais de representantes de colectivos como A Rente do Chan, do Casino Mercantil, da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor e da Sociedade Galega de Historia Natural, segundo informa Eduardo Muñiz desde o DUVI.
Entre estas medidas tamén se inclúe o paso para converter en peonil parte da zona central do campus universitario promovendo o acceso a pé e en bicicleta. Trátase de propostas que van encamiñadas tamén a optimizar o consumo da auga a través da utilización da auga da billa tanto nos comedores como nas cafeterías e, en xeral, da enerxía con cambio de luminarias por leds ou a instalación de puntos de carga para coches eléctricos.
O documento tamén establece medidas para promover a reutilización entre a comunidade universitaria e fomentar un bo tratamento dos residuos. Por outra banda, quérese crear un grupo de consumo para participar na compra de produtos ecolóxicos e de proximidade. Tamén está previsto levar a cabo unha xornada centrada nun estudo de sustentabilidade con perspectiva de xénero.
O vicerreitor Jorge Soto indicou que se quere fomentar a participación coa promoción do voluntariado ambiental desenvolvendo xornadas de difusión do Green Campus. Neste sentido, a Universidade busca que no currículo do estudantado se reflicta a educación ambiental e queren promover temáticas ambientais nas guías docentes e nos traballos de fin de grao e de fin de máster.
Este plan de acción foi aprobado polos asistentes, que avaliaron positivamente que das 60 medidas establecidas durante o pasado curso máis de 40 puxéronse en marcha como a de aproveitar os residuos orgánicos para xerar compost, a través dos composteiros do campus, ou a ampliación do carril bici.