O BNG lembra o concelleiro e patrón maior Miguel Pazos
Por Redacción
O BNG de Poio, coincidindo que este mes de outubro é o decimo aniversario do pasamento do seu compañeiro Miguel Anxo Pazos, o que foi concelleiro de Deportes de Poio e patrón maior da confraría de San Telmo, queren organizar un acto de lembranza no entorno do pavillón da Seca que hoxe leva o seu nome e onde se asenta un monolito na súa lembranza.
Compre recoñecer que Miguel Pazos foi un referente para o BNG de Poio.
Os nacionalistas lembran que el foi un dos impulsores das escolas deportivas "que hoxe gozan de plena saúde" e que grazas á colaboración do tecido deportivo forman un "asentamento referenciado do deporte base".
Destacan tamén a súa "labor incansable" no sector do mar onde rexentou como patrón maior cunha "traxectoria recoñecida" polas diferentes confrarías e asociacións do sector.
O acto consistirá nunha ofrenda floral no monolito dedicado a Miguel Pazos, o próximo xoves 24 de outubro ás 20 horas, e coas intervencións do alcalde de Poio, Luciano Sobral acompañado de membros da executiva nacional do BNG, así como local e comarcal, xunto á familia de Miguel Pazos.
Para o acto farase un chamamento a todos os colectivos de Poio, en especial aos do mar así como os deportivos.