Baltar desafía ás altas temperaturas cunha multitudinaria procesión na honra a Cristo Rei
Por Redacción
Nin o sol nin a calor puido coa devoción dos veciños de Baltar (Xustáns). Todos eles desafiaron ás altas temperaturas cunha multitudinaria procesión para honrar a Cristo Rei nas tradicionais festas que se celebran nas inmediacións do santuario e que contaron con varios membros da corporación municipal de Ponte Caldelas.
Os numerosos devotos buscaron o amparo da sombra das escasas árbores existentes nas proximidades do santuario e na carpa instalada pola comisión de festas para poder seguir os oficios relixiosos oficiados polo curra párroco de Ponte Caldelas na honra de Cristo Rei.
Ao finalizar os oficios, e baixo un sol de xustiza, tivo lugar a tradicional procesión que discorreu polas inmediacións do santuario ata completar un círculo, tras bordear a gran cruz existente no alto do monte, con orixe e final na capela.
O ambiente festivo e o bo tempo axudou ao éxito da xornada. O santuario estivo abarrotado de fieis e visitantes que aproveitaron a celebración para contemplar as fermosas vistas que desde o alto do santuario pódense contemplar das rías de Vigo e Pontevedra.
A xornada festiva iniciouse a primeira hora da mañá co lanzamento dunha salva de bombas de palenque anunciando o día de Cristo Rei. A continuación, tivo lugar un pasarrúas a cargo da Banda de Música de Tenorio para dar paso a diversos actos litúrxicos que tivo na Misa Solemne, da unha do mediodía o seu momento máis emotivo.
As celebracións continuarán pola tarde con animación a cargo da charanga Charandonga que entreterá aos asistentes á festa ata as 20.00 horas, momento no que se celebrará unha misa na capela do santuario. Ao finalizar a misa, tomará o relevo na animación o grupo de pandereteiras Xeitosiñas que ofrecerá un amplo repertorio de temas tradicionais e populares galegos.
A verbena correrá a cargo das orquestas Hiroshima e Quinta Avenida para rematar a xornada festiva cunha gran tirada de fogos artificiais que porán o punto final colorista á celebración marcada polo bo tempo e as altísimas temperaturas.